O vindeiro xoves 2 de outubro, na Casa-Museo Casares Quiroga da Coruña, procederase á inauguración da exposición en homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. O acto principiará ás 19h no devandito espazo, por iniciativa das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre, coa colaboración da concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
A mostra está comisariada por Vanesa Iglesias, exhibíndose pezas artísticas de Leandro Lamas, Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) eEstudo Aldea. A mostra poderase visitar na Casa-Museo Casares Quiroga até o 31 de outubro.
As devanditas pezas artísticas están reproducidas no libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras (1959-1975), que se vai repartir gratuitamente no marco da inauguración da mostra. Un libro no que se presenta unha biografía de X.R. Reboiras Noia, autoría do historiador e profesor universitario Uxío-Breogán Diéguez, así como os testemuños de dezanove persoas que compartiron militancia con Reboiras, entre as que se atopan Xosé Manuel Pavón, Elvira Souto, Lois Ríos, Manuel Mera, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Chaves.
